Entre fronteiras narra a historia da represión das comunidades evanxélicas en Galicia no primeiro terzo do século XX. A nova novela de Xavier Alcalá forma parte dun proxecto narrativo centrado na historia nunca contada das comunidades evanxélicas en Galicia. Entre fronteiras narra a historia dunha represión. Partindo de feitos reais, a novela de Alcalá achéganos á verdade a través da ficción. As consecuencias de vivir cunhas conviccións relixiosas diferentes e as vicisitudes que o contexto histórico impón aos evanxélicos en Galicia constitúen a materia prima da triloxía «Evanxélica memoria», iniciada coa novela que agora se publica. Entre fronteiras supón un esforzo narrativo singular. A historia que conta Xavier Alcalá nesta novela comeza durante o reinado de Alfonso XIII e chega á Guerra Civil. As circunstancias e os personaxes son retratados coa exactitude dun escribán de xulgado e o pulso firme e apaixonante dunha narración que flúe dun xeito imparable. A base documental da novela está tomada directamente das conversas que o autor mantivo con membros da comunidade evanxélica en Galicia: os seus testemuños axudaron a Alcalá a tecer un relato de ficción narrativamente verosímil, amais de apaixonante polo que ten de historia vivida. Xavier Alcalá descobre unha parte ata o de agora descoñecida da nosa historia. O autor anuncia a continuación desta epopea do noso tempo noutras dúas novelas máis, Nas catacumbas e Unha falsa luz. Cada unha das partes da triloxía pódese ler de xeito independente, xa que abranguen distintos períodos da historia recente: a Guerra Civil, a posguerra e o franquismo ata a morte do ditador.
- Que a miña man, Señor, non trema
- Lembranza parella ao río
- E Deus traballaría por nós
- Os poderes de Moisés
- As antesalas do inferno
- Fogo, fumaza e enxofre
- Retorno ás catacumbas